QUE É O VOLUNTARIADO SOCIAL NO CONCELLO DE BERGONDO? 

Unha das formas de participación na sociedade é a través do voluntariado. Sobre todo daqueles asuntos que vaian a parar en beneficio da erradicación de situacións de discriminación. A participación social é un dereito das persoas e convértese nun recurso das administracións públicas para dar resposta ás necesidades da poboación. 

Na sociedade actual cada vez máis existe un sentimento de SOLIDARIEDADE por parte da cidadanía que se debe canalizar por parte da xestión política municipal como motor de arranque para a creación de redes de tecido asociativo e dinamización da acción voluntaria dentro do ámbito do local.

 


O EQUIPO DE VOLUNTARIADO 

Coñece a unha parte  protagonista

Algunhas das persoas voluntarias . . .

Mª Antonia García

Considerome unha persoa alegre, positiva, responsable, solidaria, empática, honesta e con moito carácter, Detesto a falta de humanidade, a hipocresía e a mentira. Encantame bailar, cociñar, navegar e estar coa miña familia. Interesame todo o que faga deste mundo ... un mundo mellor.

Formo parte do equipo de voluntariado porque si hai algo que me fai feliz é axudar aos demais, compartir o meu tempo con persoas que realmente precisen apoio (pola razón que sexa), compañía ou simplemente ser escoitadas, faime sentir útil. Encantame o proxecto deste equipoe os meus compis que son o mellor do mundo.

Podo decir que o voluntariado me achega máis satisfacción que o que realmente entrego a cambio. facer cousas polos demais prodúceme unha gran emoción moitas veces difícil de explicar, aparte do compañeirismo que existe entre os membros do equipo, que non o cambio por nada. 

Sheila García

Veciña de Moruxo, son unha persoa curiosa e positiva. Interésame case todo, sempre estou aprendendo algo novo, pero sobre todo gústame ler.

Gozo coa natureza e sempre fago moitas fotos. Encántame facer cousas coas mans e aprender a ser autosuficiente (coma ganchillar ou facer xabóns). Adícome ao marketing e a publicidade.


Son voluntaria porque creo que é unha forma de estar en contacto coa miña comunidade e de loitar polas causas que me preocupan, como o feminismo e o medioambiente.

O proxecto de voluntariado achégame cercanía cos meus veciños e compañeiros, axúdame a non estar desconectada do lugar no que vivo, que moitas veces non valoramos porque "nunca temos tempo" para facelo. Co voluntariado aprendo e relaciónome coa xente que vive ao meu redor.

Aquí vivo novas experiencias que de outra maneira non tería e ademais é unha forma de adquirir novos coñecementos a través das ensinanzas dos compañeiros e veciños.

Ademais, os voluntarios poñemos en común moitas das nosas inquietudes sociais coma a igualdade entre xéneros e idades, a integración ou a conservación do entorno. E participamos en iniciativas para aportar o noso gran de area para tentar solucionalas.

Maricel Miramontes

Son unha persoa moi activa e inqueda, o día debería ter 35 horas para min. Amo a natureza e son moi afortunada por vivir neste paraíso, preto da praia e rodeada de campo e sons de paxaros. A miña profesión é a informática e levo moitos anos dedicándome a ela, pero a miña gran aficción é a cociña. Esta paixón levoume a facer unha canle de YouTube, onde publico vídeos todas as semanas.

Estou no equipo de voluntariado porque considero que é unha forma de coñecer veciños do concello aos que doutra forma non chegaría a tratar nunca, e ademais penso que podo achegar algo dos meus coñecementos de cociña e nutrición para que outras persoas poidan aproveitalos.

Podo comprobar que hai moita xente altruísta, o que me fai seguir confiando nas persoas e na súa bondade e poder chegar a coñecelas é importante para min. 

Carmen García

Son unha persoa dinámica, progresista e feminista. O social é importante para min. Bióloga, con interese no ambiental. Necesito o mar e a música. Familia e amizades son a miña vida.

Estou no voluntariado por servizo á comunidade, todo o que se poida, mentres se poida. O voluntariado é outra faceta máis disto. Por outro lado, interésame a participación cidadá, coma elemento de cohesión e de progreso social. Creo non proxecto, e no equipo e o ambiente é excelente.

Moitas cousas me satisfacen: participar, ser útil aos veciños e veciñas, o contacto con eles e elas, ser pioneiros na comarca no voluntariado ambiental, as relacións persoais cos compis (dos que se aprende moito, porque eu levo menos tempo)


Salomé López del Castillo

Encántame a natureza (así que tamén o senderismo e os animais), a repostería e as manualidades de todo tipo. Non falo moito (sobre todo ó principio), son máis de observar. E o de falar en público diante de moita xente o levo fatal. E teño que telo todo bastante controlado e organizado, ter que improvisar estrésame moito. Traballo ben en equipo, pero non se me da ben mandar nin ser líder.

Son voluntaria para sentirme útil, achegar algo á sociedade, aprender cousas novas e coñecer mellor á nosa comunidade. E tamén para pasalo ben. Ademais fai que mellore como persoa, aumenta a confianza e a autoestima. Se coñece xente nova e fanse amigos. Tamén axuda a mellorar as habilidades sociais e a traballar en equipo.

Domingo Vázquez  

Son unha persoa extrovertida, amigo dos meus amigos, gústame contaxiarme coa xente que ve as cousas en positivo. Admiro a beleza do natural, das artes, da cultura e do interese por case todo o que me achegue crecemento e satisfacción. 

Gústame a arquitectura, a pintura, a escultura, a literatura e o medio no que vivimos pero que temos moito que coidar, Gústanme as humanidades e o deporte en xeral.

Estou no equipo de voluntariado porque me move o interese de axudar aos demáis achegando o meu grao de area á causa común e ao que poda servir, En definitiva, en todo ao que sexa positivo, ser solidario, altruísta e humano, 

Móveme o interese e a idea de colaborar e compartir tarefas en común e con outras persoas para facer traballos pola colectividade e o ben común. 

Ou sexa que como vedes, son un tío con inquietudes por moitas cousas....   

Cruz Fernández

Son un cúmulo de imperfeccións. Asertiva e empática. Feminista e ambientalista. Gústame todo o que esperta o meu interese.

Formo parte do equipo porque sinto que é un deber e un dereito que teño como cidadá. Creo firmemente que os voluntarios podemos cambiar este mundo tan inxusto. 

Sinto que son un dos grans de area que forma a praia. Formo parte dun equipo estupendo.

Sandra Vicente

Son unha persoa sociable que me interesan moitas cousas como viaxar, practicar ioga, camiñar pola natureza, ler, cociñar, os animais e estar coas persoas que quero. 

Estou neste equipo para tentar axudar ás persoas que teño ao redor. 

Estar no voluntariado axúdame a mellorar como persoa. Estar en contacto cun grupo tan diverso como este sempre é positivo xa que che axuda a ver diferentes puntos de vista e estar en continua aprendizaxe, sen dúbida é unha experiencia enriquecedora. 

Juani Rodríguez 

Gústame dicir que son cidadá do mundo. Nacín en Barcelona. Sendo adolescente, o meu pai emigrou a Suíza, logo solicitou o reagrupamento familiar e alí pasei 20 anos. Agora levo 30 anos en Galicia, e considero que, vivas onde vivas, as persoas necesitamos afecto, solidariedade, agarimo, axuda.
Penso que como persoas necesitamos deixar, no tempo que vivimos, algo bo, o noso grao de area. Normalmente desexamos que ocorran feitos de gran importancia que sexan bos para todos, por exemplo, que se acabe a pandemia. Pero sentímonos felices e mellores cos pequenos detalles de cada día que nos achegan aos demais e achegan ganas de vivir e axudar: un sorriso, un xesto, unha man tendida. Todo isto é para min o voluntariado: non podemos resolver grandes cousas, pero podemos camiñar xuntos.

Olga Gómez

Non me gusta definirme, prefiro que o fagan os demais. Gústame moito a repostería e os traballos manuais. Este ano pasado ensináronme a facer punto (non tiña nin idea) agora non podo deixar de facelo. Estou no voluntariado ... porque é importante para todos o poder colaborar e axudar aos veciños no que precisen.

Manuel Fafián

Gústanme cousas moi diversas: naturaleza, lectura, redes sociais, xeopolítica, viaxes, deportes, actividades en común, cine e series,.

Estou no equipo de voluntariado para aprender, colaborar e realizar actividades para a comunidade e que tamén reconfortan persoalmente. 

O voluntariado permíteme colaborar en actividades para axudar á xente ou a colectivos que precisan, permíteme valorar e respetar o medio ambiente e coñecer xente cos mesmos intereses e conciencia social.  

Rosalía Bermúdez

Definiríame coma un ser humano en constante aprendizaxe, sorprendéndome cada día con todo o que sucede e aceptándoo dende o corazón, sexa da natureza que sexa.

Gústame pasear pola praia nun día cálido de sol de inverno

Gústame bailar.

Gústame sorrir.

Gústame simplemente estar, sen facer nada.

Encántame ser de axuda ás persoas que o precisan e se permiten ser axudadas; e tratar de levar benestar alí a onde vou. Xenérame moita alegría interior, plenitude de Vida. E por esta razón estou no equipo do voluntariado.





Pequenos cambios con gran diferencia 

Soidade non desexada

Xa é de día, levántome e diríxome á cociña para tomar o meu tazón de leite cun pouco de pan de fai un par de días. Cando paso por diante do roupeiro vexo a unha muller que me observa desde o outro lado do espello. Cabelo branco, biso, bata de pirineos e zapatillas a cadros. A súa mirada triste e ausente, chama a miña atención.

Quen es? pregúntolle.

Son Maruja, teño 79 anos e hai anos que vivo soa.

Sígoa coa mirada mentres se dirixe ao sofá, que ten tantos anos como ela. Pon o trapo de cociña nos xeonllos e disponse a almorzar. Cando termina levántase arrastrando os pés para deixar o tazón. Volve ao sillón, acende a tele e disponse a pasar a mañá.

Cando dan as 2 no reloxo de péndulo, diríxese á cociña, rebusca na neveira e atopa unhas sobras. Volve ao sillón e alí queda ata a cea. Como cada noite, cansada de estar sentada, apaga a tele e vai á porta de entrada para pechar con chave.

Dáse conta que hai varios días que a pechou. Varios días sen que ninguén a chamara, sen que ninguén a botase en falta. Cando chega ao dormitorio, ponse diante do espello e dálle as boas noites á señora triste do espello.

Maruja soñará esta noite que, as voluntarias e voluntarios de Bergondo estamos a buscar "pequenos cambios con gran diferenza" para devolver a Maruja a súa dignidade. Cando Maruja espérta, mira pola xanela e ve un autobús interparroquial que a levará a realizar todo aquilo que necesita para un auténtico envellecemento activo.

Ela daranos a súa experiencia e sabedoría tan necesaria para a mocidade. Ogallá podamos gozar pronto de moitas Marujas de Bergondo.

Por certo, Maruja está disposta a facer de avoa adoptiva para todas as nenas e nenos do Concello que as súas familias teñen auténticos problemas para poder conciliar. 

Cruz Fernández González, voluntaria.


 

© 2020 Fundación de Caridad | Todos los derechos reservados.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar